domingo, 29 de marzo de 2015

ÁRBORES, AUGA E NOVAS VIDAS NO SANTA RITA

Para celebrar  o Día Mundial da Árbore e o Día Mundial da Auga, o xoves 19 de marzo, pola mañá xa tiñamos todo preparadiño.

Toda a semana estivemos traballando nas clases cos materiais facilitados pola Deputación de Lugo, para a reserva da biosfera lucense. Comentamos as lecturas e fixemos moitas das actividades propostas. Buscamos información sobre a árbore ACIVRO, buscamos un poema para o acto e...ate se redactou unha historia cos datos atopados e outros referentes da nosa zona.

Este ano incorpórase ao Acto de Plantación o alumnado de infantil, e fanno con moitísima forza.
Dona Pinga, Dona Landra, Don Carballo sempre amigos. Libriño para Infantil.
Dama da Auga e os segredos das árbores. Libriño para Primaria.


MÚLTIPLE PLANTACIÓN

Pois...precisamente grazas á insistencia e coidado que puxeron o alumnado de Infantil, tiñamos para plantar..3 castiñeiros e un carballo.



Rapaces e rapazas de Infantil , no outono non só apañaron castañas e algunhas landras das nosas árbores, tamén sementaron , en cartóns de leite . (Lembramos que a castaña é a semente e o ourizo o froito!) Agora podemos plantar as árbores!

Por grupos , decidiron que nome poñerlle e ata fixeron uns espectaculares letreiros para Carabullo Castiñeiro, León Castiñeiro, Martiño Castiñeiro e Landro Carballo. Nome e apelido da árbore.


Ademáis destas catro árbores tamén fixemos a plantación do acivro. Especie  protexida. Da cal estuvemos documentándonos durante a semana, sabendo curiosidades , buscando poemas e redactando historias. A partir dos materiais proporcionados pola Deputación, dos libros da Biblioteca e na rede.


ACIVRO (Ilex aquifolium L.) En español ACEBO
(acibreiro, xardón, acebiño, acevo, acibeira, acivreiro, acibra, acibreira, cebro, escornacabras, rascacú, vellebrán, xando, xardeira) . Moitos son os nomes para referirmos a esta árbore autóctona e importante. Flor branca e froito vermello (unhas boliñas do tamaño dun chícharo con 3-4 sementes duras). Ollo, o froito é tóxico para as persoas! Pola contra...é alimento da pita do monte.
A Pita do Monte (Tetrao urogallus) comen os froitos do acivro e expulsan as sementes, logrando así a propagación da especie. Grazas, Pita do Monte!

En Galicia, tanto o acivro como a propia pita do monte son especies protexidas. Agora entendemos por que, non si? 

Dicímolo en verso para recibir a noviña acivro.      
O acivro chegou a Galdo 
cando só era unha póliña,
a pita do monte a semente botou...
e mirade que resultou!
Pictogramas de  Sergio Palao. CATEDU-ARASAAC. Licencia CC.



Antes de proceder ao Acto da Plantación, bandexa das árbores,ferramentas, a turba e a grande regadeira con que bautizalos.



A cita para a plantación en todos os colexios da provincia de Lugo era ás 12:00h, logo do recreo.
Baixou todo o mundo mundial, este ano baixou Infantil, e foron protagonistas.






Foron baixando todos os grupos para dispoñerse nun grande círculo.


Presidiu o Acto o noso director Xosé Luís Ramallal. Un discurso onde non faltaron referentes ás árbores plantadas nos cursos pasados: Brother Loureiro ou Platero Bidueiro. Fixo referencia á importancia destas celebracións de Vida na chegada da Primaveira. Explicou qué árbores íamos plantar e a orde na que procederíamos. Empezando polo novo grupo: Infantil.
Adiantounos a Cerimonia do Acivro e comezouse coa lectura dos textos preparados.

Xosé Ramallal e o conto que argallou o grupo de 6º!



O acivro da vida

Nos tempos de María Castaña vivía unha alegre familia. Esa familia divertíase moito e estaba formada por: Ramón (o neto), Zulema (a nai) e Gumersindo ( o avó).  Un día Gumersindo enfermou moi gravemente, a única salvación era o froito do acivro. Pero non dun acivro calquera, do acivro máis vello, que só tiña un froito. O acivro atopábase no Penedo do Galo, pero para que che concedese o froito debías levar tres cousas: unha moeda do pote de ouro dos trasnos (que se atopaba ao final do arco da vella), unha folla do eucalipto máis grande de Viveiro (o avó) e un cunco de auga do Pozo da Ferida e, para que o froito teña efecto, tiñamos que estar de cara a un eclipse de sol (curiosamente este venres producirase un). Zulema e Ramón puxéronse mans a obra. Esperaron a que saíra o arco da vella e... Por fin!!!! Era o momento. Correron ata o fin e remataron con todas as súas forzas, exacto alí estaba o pote e, enganando ao trasno que vixiaba, pillaron unha moeda e fóronse. Correron a toda présa cara a Chavín para coller a folla. Escalaron como monos e collérona, xa só faltaba unha cousa. Ao día seguinte dirixíronse ao Pozo da Ferida, unha vez alí colleron o cunco de barro feito polo avó e pillaron un pouco de auga. Despois dirixíronse a casa para pillar un bo equipo para escalar o Penedo do Galo. Xa lle quedaba pouca vida ao avó, debían darse presa! Xa case no pico albiscaron unha árbore moi relucinte, era o acivro!!! Correron canto puideron, deixaron as cousas baixo a árbore e afastáronse un pouco. Despois un raio cegador saíu de dentro da árbore e desapareceron as cousas e apareceu un froito vermello coma o inferno. Collérono, e dirixíronse a casa. A parte negativa e que o eclipse saía o venres(mañá) e non sabían se o avó sobreviviría. Espertaron ao día seguinte e viron ao avó con vida. Que sorte!!! Correndo como raios foron ao descampado para ver o eclipse, e non momento exacto, o avó comeu o froito e... Era verdade, o grazas ao froito do acivro seu avó rexuveneceu, agora tiña vinte anos!!!!!

E colorín colorado este conto dámolo por rematado!


Este conto é fantástico! Lembramos que o froito do acivro non é bo para as persoas...

POEMA que prepararon os de 4º. Curiosa e abraiante posta en escena. A cámara non daba feito para cambiar a dirección. Ainda así, captou algún momento da lectura do poema...





A MAXIA DO ACIVRO (Solsticio de inverno)

Que se despexe a néboa na valgada,
que lapeen os acivros encendidos,
que se abracen os fogares bendicidos
coas restras da baia perfumada.

Nos invernos verdes, a lanzada
vermella de beiras verdes, entre niños
de branco incenso,
caen os olvidos,
xorde o solsticio e a maxia consagrada.

Vede que o feitizo
baias son de acivro,
sagradas, envelenadas como cebo,
entre onduladas sombras e humidades.

Mais o verniz e brillo do seu froito
xa se derborda no abrente, e a raudais,
o sol degrana raios, ben enxoito.

Avanza o día, abrollan manaciais,
fértil a terra, ritos saturnais,

fuxan as sombras, desvetide o loito!

Precioso, non si? Boa escolla,rapaces e rapazas e moi ben lido! Noraboa!
Agora...haberá que pasar á acción!

MOMENTO DE PLANTAR AS CINCO NOVAS ÁRBORES.

 Ferramenta na man para facer sitio. Sacho e turba...




Andrés, representando ao grupo de 4 anos, deixou ben plantadiño a CARABULLO  Castiñeiro



 Quenda de plantación para o grupo de Infantil de 3 anos. Manu, equipado coa pa, bota a turba para preparar o terreo 


 Logo de que Antonio retirase a parte de abaixo do cartón do leite...


Manu leva a LEÓN Castiñeiro ao que será o seu sitio para medrar.


Pois...longa vida a LEÓN Castiñeiro!


Outro Manu, pero do grupo de Infantil de 5 anos, tamén se prepara coa pala...



 Antía suxeita o letreiro de MARTIÑO  Castiñeiro



Con coidadiño, colocamos a Martiño no seu furadiño de vida...


O bautizo de Martiño foi completísimo. Auguiña do ceo ademáis da auguiña da regadeira que trouxo Xavi.

Pois...Infantil xa plantou e regou. Quenda para Primaria.

CERIMONIA DO ACIVRO.



 Será sexto quen deixe legado. Que non se diga que se van do cole...sen plantar unha árbore!



O sitio que vai ocupar o acivro xa está preparadiño pero....a onde miran todos?
Pois...a Luís coa caixa vermella. É momento de poñerlle nome á arbore entre as propostas pensadas por cada grupo: Espinete, Saturno, Monchiño, Ceviño...




CEVIÑO Acivro !    Benvido á nosa terriña, CEVIÑO! O máis novísimo con diferencia aos demais acivros que temos no cole.

Pois...nesta terriña de miñocas has medrar ata acadar unha boa altura!

Momento Miñoca cando iamos plantar a Ceviño...



Todos e todas alargan a man para a miñoca. Poñémola con Cerviño, para que se vaian coñecendo e afacéndose á terra compartida dende agora.



Agora sí, Ceviño toma terra de Galdo!



Algunhas nenas de 6º, como Alejandra e Cristina cántanlle e fanlle os primeiros arrolos, para que medre saniño desde pequeniño.


Ei, que nos queda plantar o Carballo e vai a ser a hora de xantar..!

O alumnado de 1ºcurso da Primaria será o protagonista da plantación do Carballo. Desplazámonos na zona verde.


Hugo Cervo sinte a responsabilidade deste momento importante!



 Gabriel procede a darlle a primeira auguiña á pequena arboriña.


LANDRO Carballo. Un nome moi ben discurrido...Landro polas landras e Landro coma o noso Río, o que pasa por Galdo e vai a desembocar á Ría de Viveiro.
Árbores e Auga sempre unidos!



Luís escapa coa caixa vermella e moitas propostas para chamar ás árbores.

Toca retirada para ir a comer. A Dama da Auga é testigo desta retirada temporal. A auga da regadeira cambiarase por auga de xerra, nas mesas do comedor.




Dona Pinga, Dona Landra e Don Carballo sempre amigos, é boa verdade. A Dama da Auga contou o día de hoxe o segredo das árbores.


Facendo reconto das árbores plantadas e bautizadas...









Outras árbores protagonistas de Plantacións de anos anteriores. Compartindo zona verde.



BROTHER  Loureiro. Día da Árbore e da Auga 2014.




PLATERO Bidueiro. Día da Árbore e da Auga 2013.

Nome escollido polo alumnado entre varias propostas e apelido da árbore.

E... a celebración da Plantación e da Auga non remata aquí. Pola tarde máis plantacións, de cultivos...con Clara e dentro do invernadoiro.
Viva a Auga, vivan as árbores e vivan todas as plantas en xeral! Canta vidiña nos dan!

Ningún comentario:

Publicar un comentario