domingo, 29 de marzo de 2015

ÁRBORES, AUGA E NOVAS VIDAS NO SANTA RITA

Para celebrar  o Día Mundial da Árbore e o Día Mundial da Auga, o xoves 19 de marzo, pola mañá xa tiñamos todo preparadiño.

Toda a semana estivemos traballando nas clases cos materiais facilitados pola Deputación de Lugo, para a reserva da biosfera lucense. Comentamos as lecturas e fixemos moitas das actividades propostas. Buscamos información sobre a árbore ACIVRO, buscamos un poema para o acto e...ate se redactou unha historia cos datos atopados e outros referentes da nosa zona.

Este ano incorpórase ao Acto de Plantación o alumnado de infantil, e fanno con moitísima forza.
Dona Pinga, Dona Landra, Don Carballo sempre amigos. Libriño para Infantil.
Dama da Auga e os segredos das árbores. Libriño para Primaria.


MÚLTIPLE PLANTACIÓN

Pois...precisamente grazas á insistencia e coidado que puxeron o alumnado de Infantil, tiñamos para plantar..3 castiñeiros e un carballo.



Rapaces e rapazas de Infantil , no outono non só apañaron castañas e algunhas landras das nosas árbores, tamén sementaron , en cartóns de leite . (Lembramos que a castaña é a semente e o ourizo o froito!) Agora podemos plantar as árbores!

Por grupos , decidiron que nome poñerlle e ata fixeron uns espectaculares letreiros para Carabullo Castiñeiro, León Castiñeiro, Martiño Castiñeiro e Landro Carballo. Nome e apelido da árbore.


Ademáis destas catro árbores tamén fixemos a plantación do acivro. Especie  protexida. Da cal estuvemos documentándonos durante a semana, sabendo curiosidades , buscando poemas e redactando historias. A partir dos materiais proporcionados pola Deputación, dos libros da Biblioteca e na rede.


ACIVRO (Ilex aquifolium L.) En español ACEBO
(acibreiro, xardón, acebiño, acevo, acibeira, acivreiro, acibra, acibreira, cebro, escornacabras, rascacú, vellebrán, xando, xardeira) . Moitos son os nomes para referirmos a esta árbore autóctona e importante. Flor branca e froito vermello (unhas boliñas do tamaño dun chícharo con 3-4 sementes duras). Ollo, o froito é tóxico para as persoas! Pola contra...é alimento da pita do monte.
A Pita do Monte (Tetrao urogallus) comen os froitos do acivro e expulsan as sementes, logrando así a propagación da especie. Grazas, Pita do Monte!

En Galicia, tanto o acivro como a propia pita do monte son especies protexidas. Agora entendemos por que, non si? 

Dicímolo en verso para recibir a noviña acivro.      
O acivro chegou a Galdo 
cando só era unha póliña,
a pita do monte a semente botou...
e mirade que resultou!
Pictogramas de  Sergio Palao. CATEDU-ARASAAC. Licencia CC.



Antes de proceder ao Acto da Plantación, bandexa das árbores,ferramentas, a turba e a grande regadeira con que bautizalos.



A cita para a plantación en todos os colexios da provincia de Lugo era ás 12:00h, logo do recreo.
Baixou todo o mundo mundial, este ano baixou Infantil, e foron protagonistas.






Foron baixando todos os grupos para dispoñerse nun grande círculo.


Presidiu o Acto o noso director Xosé Luís Ramallal. Un discurso onde non faltaron referentes ás árbores plantadas nos cursos pasados: Brother Loureiro ou Platero Bidueiro. Fixo referencia á importancia destas celebracións de Vida na chegada da Primaveira. Explicou qué árbores íamos plantar e a orde na que procederíamos. Empezando polo novo grupo: Infantil.
Adiantounos a Cerimonia do Acivro e comezouse coa lectura dos textos preparados.

Xosé Ramallal e o conto que argallou o grupo de 6º!



O acivro da vida

Nos tempos de María Castaña vivía unha alegre familia. Esa familia divertíase moito e estaba formada por: Ramón (o neto), Zulema (a nai) e Gumersindo ( o avó).  Un día Gumersindo enfermou moi gravemente, a única salvación era o froito do acivro. Pero non dun acivro calquera, do acivro máis vello, que só tiña un froito. O acivro atopábase no Penedo do Galo, pero para que che concedese o froito debías levar tres cousas: unha moeda do pote de ouro dos trasnos (que se atopaba ao final do arco da vella), unha folla do eucalipto máis grande de Viveiro (o avó) e un cunco de auga do Pozo da Ferida e, para que o froito teña efecto, tiñamos que estar de cara a un eclipse de sol (curiosamente este venres producirase un). Zulema e Ramón puxéronse mans a obra. Esperaron a que saíra o arco da vella e... Por fin!!!! Era o momento. Correron ata o fin e remataron con todas as súas forzas, exacto alí estaba o pote e, enganando ao trasno que vixiaba, pillaron unha moeda e fóronse. Correron a toda présa cara a Chavín para coller a folla. Escalaron como monos e collérona, xa só faltaba unha cousa. Ao día seguinte dirixíronse ao Pozo da Ferida, unha vez alí colleron o cunco de barro feito polo avó e pillaron un pouco de auga. Despois dirixíronse a casa para pillar un bo equipo para escalar o Penedo do Galo. Xa lle quedaba pouca vida ao avó, debían darse presa! Xa case no pico albiscaron unha árbore moi relucinte, era o acivro!!! Correron canto puideron, deixaron as cousas baixo a árbore e afastáronse un pouco. Despois un raio cegador saíu de dentro da árbore e desapareceron as cousas e apareceu un froito vermello coma o inferno. Collérono, e dirixíronse a casa. A parte negativa e que o eclipse saía o venres(mañá) e non sabían se o avó sobreviviría. Espertaron ao día seguinte e viron ao avó con vida. Que sorte!!! Correndo como raios foron ao descampado para ver o eclipse, e non momento exacto, o avó comeu o froito e... Era verdade, o grazas ao froito do acivro seu avó rexuveneceu, agora tiña vinte anos!!!!!

E colorín colorado este conto dámolo por rematado!


Este conto é fantástico! Lembramos que o froito do acivro non é bo para as persoas...

POEMA que prepararon os de 4º. Curiosa e abraiante posta en escena. A cámara non daba feito para cambiar a dirección. Ainda así, captou algún momento da lectura do poema...





A MAXIA DO ACIVRO (Solsticio de inverno)

Que se despexe a néboa na valgada,
que lapeen os acivros encendidos,
que se abracen os fogares bendicidos
coas restras da baia perfumada.

Nos invernos verdes, a lanzada
vermella de beiras verdes, entre niños
de branco incenso,
caen os olvidos,
xorde o solsticio e a maxia consagrada.

Vede que o feitizo
baias son de acivro,
sagradas, envelenadas como cebo,
entre onduladas sombras e humidades.

Mais o verniz e brillo do seu froito
xa se derborda no abrente, e a raudais,
o sol degrana raios, ben enxoito.

Avanza o día, abrollan manaciais,
fértil a terra, ritos saturnais,

fuxan as sombras, desvetide o loito!

Precioso, non si? Boa escolla,rapaces e rapazas e moi ben lido! Noraboa!
Agora...haberá que pasar á acción!

MOMENTO DE PLANTAR AS CINCO NOVAS ÁRBORES.

 Ferramenta na man para facer sitio. Sacho e turba...




Andrés, representando ao grupo de 4 anos, deixou ben plantadiño a CARABULLO  Castiñeiro



 Quenda de plantación para o grupo de Infantil de 3 anos. Manu, equipado coa pa, bota a turba para preparar o terreo 


 Logo de que Antonio retirase a parte de abaixo do cartón do leite...


Manu leva a LEÓN Castiñeiro ao que será o seu sitio para medrar.


Pois...longa vida a LEÓN Castiñeiro!


Outro Manu, pero do grupo de Infantil de 5 anos, tamén se prepara coa pala...



 Antía suxeita o letreiro de MARTIÑO  Castiñeiro



Con coidadiño, colocamos a Martiño no seu furadiño de vida...


O bautizo de Martiño foi completísimo. Auguiña do ceo ademáis da auguiña da regadeira que trouxo Xavi.

Pois...Infantil xa plantou e regou. Quenda para Primaria.

CERIMONIA DO ACIVRO.



 Será sexto quen deixe legado. Que non se diga que se van do cole...sen plantar unha árbore!



O sitio que vai ocupar o acivro xa está preparadiño pero....a onde miran todos?
Pois...a Luís coa caixa vermella. É momento de poñerlle nome á arbore entre as propostas pensadas por cada grupo: Espinete, Saturno, Monchiño, Ceviño...




CEVIÑO Acivro !    Benvido á nosa terriña, CEVIÑO! O máis novísimo con diferencia aos demais acivros que temos no cole.

Pois...nesta terriña de miñocas has medrar ata acadar unha boa altura!

Momento Miñoca cando iamos plantar a Ceviño...



Todos e todas alargan a man para a miñoca. Poñémola con Cerviño, para que se vaian coñecendo e afacéndose á terra compartida dende agora.



Agora sí, Ceviño toma terra de Galdo!



Algunhas nenas de 6º, como Alejandra e Cristina cántanlle e fanlle os primeiros arrolos, para que medre saniño desde pequeniño.


Ei, que nos queda plantar o Carballo e vai a ser a hora de xantar..!

O alumnado de 1ºcurso da Primaria será o protagonista da plantación do Carballo. Desplazámonos na zona verde.


Hugo Cervo sinte a responsabilidade deste momento importante!



 Gabriel procede a darlle a primeira auguiña á pequena arboriña.


LANDRO Carballo. Un nome moi ben discurrido...Landro polas landras e Landro coma o noso Río, o que pasa por Galdo e vai a desembocar á Ría de Viveiro.
Árbores e Auga sempre unidos!



Luís escapa coa caixa vermella e moitas propostas para chamar ás árbores.

Toca retirada para ir a comer. A Dama da Auga é testigo desta retirada temporal. A auga da regadeira cambiarase por auga de xerra, nas mesas do comedor.




Dona Pinga, Dona Landra e Don Carballo sempre amigos, é boa verdade. A Dama da Auga contou o día de hoxe o segredo das árbores.


Facendo reconto das árbores plantadas e bautizadas...









Outras árbores protagonistas de Plantacións de anos anteriores. Compartindo zona verde.



BROTHER  Loureiro. Día da Árbore e da Auga 2014.




PLATERO Bidueiro. Día da Árbore e da Auga 2013.

Nome escollido polo alumnado entre varias propostas e apelido da árbore.

E... a celebración da Plantación e da Auga non remata aquí. Pola tarde máis plantacións, de cultivos...con Clara e dentro do invernadoiro.
Viva a Auga, vivan as árbores e vivan todas as plantas en xeral! Canta vidiña nos dan!

domingo, 22 de marzo de 2015

TULIPÁNS ANUNCIADORES DE PRIMAVERA

Pois sí, unha vez máis os tulipáns plantados por Infantil e o 1º ciclo da E. Primaria, anuncian a chegada da Primavera.

Fermosos tulipáns vermellos no xardín da entrada!


Aqueles bulbos plantados no outono foron medrando e resistindo o frío do inverno para agora convertírense  en planta e en flor! Vermello ,da  cor do sangue e da enerxía !

Ainda que a chegada oficial da primavera foi o venres 20 ás 23:45h. Benvida  Primavera e todas as celebracións desta época, que non son poucas!

CALENDARIO de finais de marzo.
Día Mundial da Árbore.
Día Mundial da Auga.
Día Mundial da Meteoroloxía.
Chegada da Primavera.
Día Mundial da Felicidade.
Día da Poesía.

O xoves 19, pola mañá celebramos no colexio o Día da Árbore e da Auga cunha múltiple plantación e bautizo de cinco novas árbores que xa pasan a formar parte da nosa comunidade e do inventario vexetal.
Na próxima entrada deste blog contaremos como transcurriu este día de celebración e plantación.

domingo, 15 de marzo de 2015

CLARA. OBRADOIRO II. XERMINACIÓN


Iniciamos este novo obradoiro vendo o resultado do anterior. Os ravos xa comezan a sair e as leitugas asoman. Tamén observamos como creceron as plantas para abaixo.







 No primeiro obradoiro tratamos o tema da Plantación. Pois seguimos o ciclo...

OBRADOIRO II .XERMINACIÓN.

Como introdución, unha presentación do crecemento das plantas. A XERMINAR!
Da semente á planta e da planta ata a flor!






Falando dos pelos radicais. Empezando de raíz!



Explicando as fases de crecemento

Clara amosounos un sorprendente video do crecemento das sementes ata formarse plantas. O crecemento a cámara rápida...


 -Oooooh! Que pasada!- oíase na sala mentres miraban o video...




Da semente á planta e da planta ás flores

E das sementes e plantas de terra...da man de Clara fomos camiño das plantas do mar.

A HORTA MARIÑA. NA AUGA TAMÉN HAI PLANTAS.

Para explicarnos COMO FACER UN HERBARIO, Clara móstranos o seu propio herbario de plantas acuáticas (algas) . A nosa científica mollouse unhas horas antes na Praia de Covas para traer unhas algas variadas e mostrarnos todo o proceso, desde a recollida ata o herbario final en forma de libro. Todo o tratamento das algas, pasiño a pasiño.







Explicación do  herbario con prantas acuáticas (algas).

COMO FACER UN HERBARIO COAS ALGAS?  Pasos.

1.    O inicio é sinxelo… Hai que mollarse e ir polas algas. Caldeiros coas algas. Praia de Covas.
2.     Logo hai que lavalas en auga salgada e auga doce,
3.     secalas un pouco con moito coidadiño.
4.     E colocalas ben estiradas e na posición que se desexa que aparezan logo no prego,
5.     Por último introdúcense na prensa cunha identificación sinxela. (Exemplo. Parda 3).

A  PRENSA. Clara cóntanos que cando empezou a facer herbarios empregaba enciclopedias pesadas para prensar as follas. O seu pai, Ramón Pardiño armoulle unha prensa para que a tarefa resultara máis doada. Agora o prensado das follas , con este útil artiluxio , faise dun xeito moi levadeiro. 





A prensa de Clara feita polo seu pai, Ramón Pardiño.


PASO A PASO PARA O NOSO HERBARIO DE ALGAS.


 Coñecendo o Espaguetti e a Leituga de mar...


 e outras especies de algas.








Mauro e Yago observando ben de preto as algas.

Unha vez explicado, metémonos de cheo no proceso...
Algas, a lavarse! Auga salgada e auga doce.







A quen lle vai a tocar secalas?


 Armados con panos de papel, 
Lembramos, con moito coidadiño e sen frotarlle.




Secalas para logo poñelas ben estiradiñas no prego, entre follas do xornal.



 Colocando no prego, ben estiradiñas.


Cando a folla é moi longa, é preciso doblala cara abaixo. Necesitamos outra folla de xornal.


Mollándose coas algas , poñendo e practicando...







Contacto coas algas, oportunidades de aprender! Algas diferentes. Tratamento antes da prensa.



 Poñémoslle unha identificación sinxela.


E colocamos os pregos na prensa...

O grupo de terceiro tamén quixo aprender do proceso e colocar algunha alga...








 Xa os pregos na prensa.


 Apretan os parafusos Marta e María mentres Clara fai forza enriba da prensa.




 Clara explica que ao longo da semana alguén se ten que facer cargo da prensa, de cambiarlle os papeis de xornal ás algas, para que sequen ben e queden ben lisiñas.
Nómbranse encargadas, Gabriela, Ángela e Sara Díaz, de 4º curso.





Os Cenorias de 3º curso encargáronse de preparar as fichas para o herbario cos datos pertinentes:
·         nome común,
·         nome científico,
·         lugar de recolección,
·         data,
·         e descrición.



A mestra Ana Blanco fíxose cunhas cartolinas laranxas que , recortadas todas por unha mesma medida, servirán de fichas para o herbario. Que datos son importantes rexistrar?





 Escribindo coa mestra Ana Blanco os datos que deben ir en cada tarxeta.


Quedando as fichiñas feitas, xa podemos cubrilas...o próximo día de obradoiro con Clara.


IMPORTANCIA DAS ALGAS. ALIMENTACIÓN E MUNDO MARIÑO.

Mergullándonos un pouco máis no tema das algas, falamos un poco dos líquenes; os cales non deixan ser en parte algas….
Colección de líquenes. Clara amósanos dúas caixiñas de líquenes clasificados. Estes forman parte da súa colección. Non só nos deixou ver....senón tamén tocar!


nº1: Alga vermella calcárea



Pero...que son os líquenes, pregunta a mestra Ana Blanco?





 Os líquenes son unha simbiose dunha alga e un fungo. Esta asociación fai que podan vivir en lugares onde ninguén máis pode. 

Coleccións de líquenes de Clara, que os rapaces e rapazas observan e disfrutan





Observando a alga vermella calcárea



 Galicia e un lugar que conta cun gran número de especies, pero hai unha que podemos dicir que é especial , xa que só nós e só nós contamos con el. Vivan os endemismos!! 




Especie autóctona, de Galicia, concretamente das Rías Altas.





Bonitos descubrimentos os de hoxe! Esperamos xa a seguinte visita de Clara, para seguir aprendendo e disfrutando! Que será o próximo?

Remata este segundo obradoiro valorando o feito no semilleiro...
Pois sí, é preciso añadir máis turba ou terra para que poda nacer a nosa plantación.


 Clara tivo moito coidado para separar temporalmente a plantación.
Engadiu terra misturada con turba. A terra é autóctona, da zona de Merille, Ourol.


Os ravos, agardan temporalmente para logo voltar ao seu sitio...





 O furadiño amosa o antes e o despois de añadir máis terra.


Volta dos cultivos ao seu sitio. Con máis terra onde asentarse ravos, cenorias, apio e cebola vermella.






Comprobando o rego e reflexionando sobre o semilleiro.
 Lembrando que as plantas necesitan humidade ainda que non excesiva.
Se regamos demasiado...as sementes ou as plantas poden podrecer.

Para que medren ben as leitugas basta con botar pouquiñas sementes na ouveira. Tampouco é bo xuntar moitas sementes no mesmo espazo, no semilleiro.

Aprendemos dos erros para as próximas veces. Ata os expertos poden atopar sorpresas negativas nos seus cultivos; sementes que non medran ben ou mesmo sementes que non medran...
Non nos temos que desanimar, é cuestión de aprender dos erros e empezar de novo!

Que pasou co lateral das plantas aromáticas? Pois, que como non saían...(Estas plantas tardan máis en sair) os encargados e encargadas regaron e regaron, todos os días. Encharcaron as sementes e non se lograron! Vaia, haberá que facelo mellor para a próxima co xa sabido...

As plantas medran segundo quen as plante! Así que haberá que ter arte e prestar atención para facelo ben.

Grazas Clara, pola túa sabedoría e por querer compartila con nós! Grazas por estes interesantes obradoiros. Xa estamos esperando polo terceiro!